Lugo, 15 de xuño de 2010.
Dezanove traballadores autónomos de Lugo asistiron á presentación do curso de Prevención de Riscos Laborais, que tivo lugar na Aula de Formación do 2º andar do CEI NODUS da capital lucense. O curso está organizado pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia no marco do Plan de Formación 2009 – 2010.
UPTA Galicia, unha das organizacións máis representativas dos traballadores autónomos, programa anualmente un Plan de Formación en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar. Os cursos que forman parte deste Plan están orientados á mellora das capacidades dos autónomos como traballadores e xestores dos seus negocios, axustándose ás súas propias demandas sobre as materias nas que precisan adquirir coñecementos ou ampliar as súa cualificación.
O curso de Prevención de Riscos Laborais impártese en modalidade a distancia e consta de 70 horas, 52 de materia específica e as restantes das materias transversais sobre Igualdade e Medio Ambiente. O centro de formación encargado de levalo a cabo é Academia Fernández. O programa inclúe, entre outros, contidos sobre a xestión da prevención nas empresas, os riscos no traballo, as prácticas perigosas máis habituais así como sobre as medidas para a súa prevención en canto a actuacións e a equipos de protección individual.
O alumnado do curso está formado por dezanove autónomos da capital lucense e doutras localidades da provincia. Trátase de traballadores autónomos de diferentes sectores diversos como a hostalería, a construción, os talleres mecánicos, o comercio, a informática, etc.
Este curso reafirma o compromiso de UPTA Galicia tanto coa formación como coa prevención de riscos no traballo. A organización aposta por unha formación especializada e continua dos traballadores autónomos como unha das vías para aumentar a rendibilidade dos pequenos negocios. Esta formación é se cabe máis importante en materia de P.R.L. dada a importancia de adquirir coñecementos e rutinas sobre saúde e seguridade no traballo.
Avda. Romero Donallo nº36 - Portal 2 - Entreplanta C (15706) - Santiago de Compostela - Tel.: 981552385 / Fax: 981554125
info@uptagalicia.org