Santiago de Compostela, 18 de maio de 2010.
Uns 90 traballadores autónomos galegos participarán no Plan de Formación 2010 de UPTA Galicia, que inclúe cursos en materia de Prevención de Riscos Laborais e para a obtención do carné de conducir C. Durante os meses de abril, maio e xuño celébranse un total de cinco cursos: tres de carné de camión nas localidades de Xinzo de Limia (Ourense), Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) e Lugo, e dous de P.R.L. en Negreira (A Coruña) e Lugo.
UPTA Galicia, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, programa anualmente cursos para autónomos que melloren as súas capacidades como traballadores e xestores dos seus negocios. Estes programas axústanse ás demandas dos propios autónomos sobre as materias nas que necesitan adquirir coñecementos ou ampliar a súa formación.
Os cursos para a obtención do carné C inclúen 35 horas presenciais e 180 a distancia, con dereito a 10 horas prácticas. O programa consta tanto de aspectos administrativos relacionados co transporte por estrada como normas de circulación especificamente relacionadas cos vehículos de mercadorías. Ademais, o alumnado coñecerá medidas para a condución económica e para a seguridade ao volante e aproximarase ao mantemento do automóbil.
Pola súa banda, os cursos sobre prevención de riscos, realizados na modalidade a distancia, abordan os riscos no traballo, as prácticas perigosas así como as medidas para a súa prevención en canto a actuacións e equipos de protección colectiva e individual. Ademais, a materia inclúe formación para a correcta xestión da P.R.L. nunha empresa.
Avda. Romero Donallo nº36 - Portal 2 - Entreplanta C (15706) - Santiago de Compostela - Tel.: 981552385 / Fax: 981554125
info@uptagalicia.org